A súa importancia e transcendencia mereceu unha reportaxe no programa Informe Semanal de TVE 1, chamada Universo Feminino.
Mozas gregas xogando á pelota, c. 1889. Lord Frederick Leighton
Heroínas é unha antoloxía de mulleres fortes, valentes ou extraordinarias. “Or, to use a key word that has been at the top of the feminist agenda for the last few decades: this exhibition is interested in images which could be sources of “empowerment” for women themselves”.
Os inventarios de heroínas veñen desde as mulleres sobranceiras de Homero e Hesíodo, onde elas só figuraban cos papeis secundarios á beira dos homes: nais e fillas, esposas ou amantes dos heroes. Lembramos que o primeiro compendio de mulleres ilustres por merecementos propios foi o De claris mulieribus de Boccaccio. Con mentes de correxir o punto de vista de Boccaccio, Christine de Pizan escribiu no 1405 a primeira defensa das mulleres escrita por unha muller: Le Livre de la cité des dames, onde se vía que a histórica desvantaxe da muller, non era de seu, senón que viña do costume. Velaí onde principiaba a longa Querelle des Femmes que aínda non rematou arestora.
Mesmo cando a exposición está concibida como un relatorio das mulleres, "cidade de mulleres", máis centrada na época moderna, a pegada da Grecia clásica é inevitable e actual en todas as salas: as mulleres únicas da mitoloxía, e algunhas históricas, tal as espartanas ou a muller-poetisa, por excelencia.
Na exposición séguese un percorrido temático polos espazos e vocacións das mulleres-heroínas: a iconografía da soidade, as tarefas “femininas”, a embriaguez, a competición atlética, a maxia, a relixión, a lectura e a pintura.
Unha ou varias visións de mulleres artistas asegún as imaxes creadas polos seus colegas homes, ofrécensenos en cadansúa sala-capítulo.
A exposición ten dúas partes en dous espazos: a primeira vese no Museo Thyssen-Bornemisza, e salienta o poder físico das heroínas; a segunda está na Fundación Caja Madrid, e reservouse para a mostra dos poderes máis espirituais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario